Friday 29 de March de 2024

O territorio Cabo Ortegal recibirá fondos Next Generation para a potenciación dun turismo sostible


O Goberno do Estado e máis a Xunta acaban de acordar cales son as iniciativas que se beneficiarán dos 14,6 millóns de euros para os plans de sostenibilidade turística en destinos, financiados cos fondos de recuperación Next Generation. Nesta convocatoria extraordinaria foron elixidos nove proxectos dun total de 19 presentados. O Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal é un deles, despois de ser proposto en setembro pola Deputación da Coruña canda ao programa de dinamización das Fragas do Eume.

Nos próximos días coñecerase a distribución dos fondos entre as nove beneficiarias, todas elas da zona costeira galega, así como as puntuacións acadadas por cada unha das propostas consensuadas polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e a Xunta de Galicia para obter financiamento.

A Deputación da Coruña propuxo hai escasos dous meses incorporar o plan para as Fragas do Eume e tamén o do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, cuantificando neste último caso en 3,8 millóns de euros as necesidades económicas para levar adiante 40 accións durante os próximos tres anos de cara a estruturar -e apoiar- a oferta turística e de servizos dunha área xeográfica que se revelou nos últimos tempos como unha das de maior potencial do norte do Estado.

Sobre a mesa do Ministerio e da Xunta había un total de 19 proxectos galegos dos cales quedaron fóra todos os que non acadaron a valoración mínima de 70 puntos, aqueles que presentaron un orzamento inferior ao esixido ou os que xa contaban cun plan de sostenibilidade turística, como é o caso de Viveiro. Ademais a Xunta tamén desbotou as propostas de interior, posto que o Goberno autonómico concorreu á convocatoria estatal cunha estratexia centrada no desenvolvemento do litoral. Con todo, o Executivo galego xa comunicou a súa intención de repescar os plans rexeitados nas futuras convocatorias territoriais de Enogastronomía, prevista para 2022, e de Vilas Termais e Cascos Históricos, programada para 2023.

A información dispoñible polo momento, feita pública este serán pola Xunta de Galicia, pode consultarse nesta ligazón.